jueves, 1 de julio de 2010

SEMPRE CHUS.

Fiquei longo tempo
sen chorar as miñas fames,
coidaba cas angurias
e os sufrimentos que matei con presa,
argallando con palabras fermosas
en papeis que me enxogaban
as bágoas, que me queimaban as meixelas,
non voltarían a min
coa forza con que me deixaron
o corazón en ronchas mouras
e arrancaron as raíces
nas que medraban as ledicias
e as tristuras do neno que sempre fun
e aínda sigo sendo;
por unha banda lembraba
nos papeis do meu caixón
penas coma lousas,
que tapaban para sempre,
as razóns de calquer queixa
e a falla de ganas de seguir vivindo.
Así foi que mais dunha vez,
dixen parvadas quiméricas,
coma aquelas de que non
me quedaban bágoas,
nin cachos na miña pel
para mais rachaduras.
Pero caín en moitos erros
e namoreime dunha muller
que voltou a mín o senso,
antes, de vivir,
agora, de seguir querendo morrer.
Coma as fontes que se abren
nos prados secos,
cando trona no seu corazón
ó ver no ceo as nubes negras,
volveron a rachar
tódalas feridas,
e están verdes e vermellas,
e as bágoas que non teñen
burato dabondo nos meus ollos,
saen por elas e fanme berrar tanto,
cas anduriñas voan alto
para non escoitar
tan amargos e tolos lamentos.
E eu só quero dicirche
que por primeira vez na miña vida
sinto ciumes, ciumes
de todo o que non me deixe
facer de ti unha cova
donde clavarme dentro para sempre,
e poder dicirche o que un día
discurrín para unha muller
que nunca existeu
ata que te coñecín:
“e poderá a morte vir a saudarnos,
mais ante a nosa ledicia
a mesma morte morrerá,
e ti rirás para sempre
xunto a min,
porque a un amor tan forte
nada poderá poñerlle cabo”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario